Friday 17 de May de 2024

Cambre afianza a súa programación cultural en colaboración coa Deputación da Coruña


Os responsábeis da Área de Cultura, Deporte e Mobilidade do Concello de Cambre, os edís Brais Cubeiro e Dani Carballada, acudiron á Deputación da Coruña para abordar diversos temas de interese para o noso municipio.

Asi, os representantes municipais formalizaron coa vicepresidenta do ente provincial, Goretti Sanmartín, o convenio da Rede Cultural correspondente ao presente exercizo 2018 que contemplan 24 actuacións de diversas disciplinas artísticas: 2 de música, 1 de danza, 8 de teatro profesional, 6 de dramaturxia amateur, 5 produccións cinematográficas e 2 montaxes de dinamización da nosa língua.

Carballada informou de que “o programa aprobado ronda os 35 000 €, dos cales o Concello pon 21 000 € e a Deputación 14 000, nas marxes dun 60 % por parte municipal e dun 40 % por parte do executivo provincial. Grazas á colaboración provincial afianzamos e ampliamos unha programación cultural de calidade coma nunca se viu en Cambre”.

O edil Brais Cubeiro destacou “a variedade, a pluralidade e a diversidade dunha programación que pretende chegar ao maior abano de idades posíbel”. A vicepresidenta destacou “a innovación e a fortaleza da aposta cultural de Cambre, traballando sempre co tecido asociativo e propoñendo novas iniciativas que están a calar entre o conxunto da poboación, coma Noutrora ou o festival Corazón e Bravura, xunto con eventos con máis tradición coma o Rock in Cambre. Resulta evidente que Cambre está a adquirir un nome e unha dimensión no eido cultural que antes non tiña”.

A maiores, Carballada e Cubeiro, mantiveron unha xuntanza con Xosé Regueira, deputado provincial responsábel, entre outras competencias, de Plans Provinciais e Asistencia a municipios por parte da Deputación da Coruña. Abordaron conxuntamente temas de interese para Cambre, como a integración metropolitana, o saneamento da ría, o transporte colectivo ou a situación do encoro de Cecebre.